Monday 06 de May de 2024

O pleno municipal de Ordes solicita por vez terceira a Medalla de Galicia para a súa Filla Predilecta dona Isabel Zendal Gómez


No pleno ordinario de febreiro ratificouse o acordo da xunta de goberno local de data 14/02/2020 para a solicitude de un obradoiro de emprego conxunto cos concellos de Mesía e Frades, denominado “Brañas do Illó-Río Samo III”

O pleno ordinario do mes de xaneiro celebrado na tarde de onte, ao que unicamente asistiron catorce concelleiros, aparte da aprobación da acta da sesión anterior, o punto preceptivo de informes de alcaldía, contaba ademais con dous asuntos a proposta do goberno na orde do día, dar conta das resolucións e decretos de alcaldía, unha moción por vía de urxencia do BNG, e diversos rogos e preguntas formulados polos grupos de UxO e BNG.

Informes de alcaldía: estado da débeda financeira.
No punto segundo o alcalde tomou a palabra na quenda de informes de alcaldía, para dar conta que a data presente a débeda bancaria do concello de Ordes ascende a contía de 1.117.644,49 euros; correspondente a dous préstamos formalizados nos anos 2004 e 2008.

Ratificación polo pleno do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo III.
Foi ratificado polo pleno e por unanimidade dos presentes o acordo da xunta de goberno local de data 14/02/2020 para a solicitude de un obradoiro de emprego conxunto cos concellos de Mesía e Frades, denominado “Brañas do Illó-Río Samo III”. As actuacións do concello de Ordes: área de esparcemento no parque empresarial de Merelle, finca P-85 do parque empresarial de Merelle (Ordes); Brañas de Pumariño, Chousa Muiño Antigo e Trillón (Buscás); Queiroal, Brañas de Ardemil e Área da Adina (Ardemil); Campo da festa de Parada; finca do Curro, o Brañón, Fonte das Meigas, Arriba da Carbeira, Costa do Pereiro, entorno da Capela de San Pedro de Adrán e da escola dos Marchás (Vilamaior); Chousa de Soleiros, fincas do campo de fútbol e Prado de Ramos (Barbeiros); a Revolta de Mosqueira, Balada do croio, O Prado de Abaixo e Monte do Pozo (Leira); Chousa a Maquía e Chousa da Capela (Montaos); Chousa da Lata, Brañón, Diante do Patelo (Pereira e Bean); así como a actuación de acondicionamento para a creación da senda do río da Fraga augas abaixo dirección As Casillas dende a N-550 (Paseo Iván Raña).

Solicitude Medalla de Galicia para dona Isabel Zendal.
A proposta da alcaldía acordouse unha vez mais, e xa van tres polo pleno ordense, solicitar a Presidencia da Xunta de Galicia que no ano 2020 lle sexa concedida a Medalla de Galicia a título póstumo a Filla Predilecta ordense dona Isabel Zendal Gómez, polos seus mérito no éxito da Real Expedición Filantrópica da vacina de Francisco Xavier Balmis (1803-1814).

Mocións.
A única moción de este pleno e tratada por vía de urxencia, foi presentada polo grupo do BNG, que quedou na votación cos seus únicos votos a favor no plantexamento de recuperar o ciclo da auga na alameda de Ordes, retirando o pavimento existente nas dúas ringleiras de árbores segundo o citado na exposición de motivos, onde se fixo referencia a presenza de árbores danadas nas que se realizaron podas incorrectas fai anos e a probable falta de transpiración da raíces entre outros motivos. O goberno local comprometeu estudar este asunto por parte de técnicos pero optou polo voto en contra da moción, con xustificación na posible incidencia de esta actuación nos baixos da alameda (biblioteca, mancomunidade, etc.), mentres o grupo do PSOE e de UxO optaron pola abstención.

Rogos e preguntas.
UxO trouxo tres rogos a este pleno que foron respostados e tomados en consideración polo alcalde, solicitando un espazo para que os cans poidan estar ceibos, obras de mellora no firme na zona da Reboira (Ardemil), e unha mellor seguridade no aparcamento no entorno da cidade deportiva de Vista Alegre, pero sen habilitar o espazo interior de acceso as pistas de atletismo.

Pola súa parte o BNG, solicitou melloras na sinalización do edificio da Pontraga e no depósito, medidas xa executadas; accións para corrixir deficiencias no roteiro de sendeirismo do río Mercurín, as cales en boa parte xa foran tamén realizas con anterioridade a sesión; e a reparación da avaría na rede de saneamento de República Arxentina, da cal se explicou que era derivada de un problema particular, pero que xa iniciaran os trámites para emendar a deficiencia.

Por incorrecto plantexamento de un dos rogos, o alcalde solicitoulle ao voceiro do BNG Pablo Vidal, que de acordo ao artigo 44 do Regulamento de Organización e Funcionamento do concello de Ordes, debía transformalo mesmo en pregunta para proceder ao informe. Dito asunto trataba polo xa debatido en ocasións anteriores debido ao que sucede en días puntuais do outono e inverno, pola presenza de condensación nos pavillóns deportivos, onde se contestou unha vez mais que as medidas que aconsellan os técnicos e xa desenvoltas con resultado positivo no pavillón Campomaior consistirán na instalación de máquinas que faciliten a circulación do aire e evitar vapor de auga dentro das instalacións que provoquen películas sobre os pavimentos vinílicos. Logo das explicacións o voceiro do BNG deixou tres novas preguntas abertas que serán contestadas debidamente polo alcalde por escrito ou na seguinte sesión ordinaria. As derradeiras preguntas foron en relación a xestión dos refugallos da obra de Alfonso Senra, as cales se están clasificando ao fin de xestionalas a maior brevidade; e a anulación polo TACGal da licitación para o servizo de asistencia xurídica, representación e defensa letrada; debido a que se cuestiona a redacción e configuración formulada polos técnicos habilitados locais e que vai obrigar a iniciar un novo procedemento de licitación coas emendas dos criterios establecidos polo TACGal.